
O derradeiro dos estadounidenses codificadores da lingua comanche, encargados de evitar que as forzas inimigas interceptaran as mensaxes dos aliados durante a Segunda Guerra Mundial, faleceu en Tulsa, Oklahoma (centro), aos 83 anos.
Charles Chibitty foi un dos 14 codificadores de comanche que desembarcaron nas praias de Normandía en 1944 para xogar un papel instrumental na invasión que cambiou a balanza da guerra.
"Gustaríame saber qué diaños pensaba (Adolf) Hitler cando escoitou esas voces estrañas na praia Omaha", dixo Chibitty en 2002, durante o Simposio da Soberanía Indíxena-Estadounidense. "É probable que aínda estea a pensalo na súa tumba", bromeou.
Os indíxenas comanches foron reclutados polo exército estadounidense en 1941 para enviar mensaxes que resultasen indescifrables para as forzas inimigas en Europa.
Do mesmo xeito que os Navajos loitaron no Pacífico e os Choctaws fixérono na Primeira Guerra Mundial, os comanches falábanse a través de radios e teléfonos para transmitir instrucións ás tropas. As mensaxes eran máis doadas de traducir cós códigos moi complexos, pero eran imposibles de descifrar para o inimigo.
A primeira mensaxe que enviou Chibitty dende a praia Omaha a un bote que se achegaba dicía: "Cinco millas á dereita da área designada e cinco millas terra adentro; a batalla é violenta e precisamos axuda".
"Tentabamos que soubesen onde estabamos para que non nos disparasen por erro", dixo en 2002 nunha reunión co secretario de defensa estadounidense, Donald Rumsfeld.
Como non existen en comanche palabras para designar tanques, bombas ou outro equipamento militar, utilizaban metáforas. Unha ametralladora sería unha "máquina de coser", explicou Chibitty, "polo ruído que facía cando a miña nai cosía". Hitler era "posah-tai-vo", o "home branco tolo", engadiu.
Chibitty recibiu un gran número de premios polo seu servizo e significativa contribución á laboura de intelixencia do exército estadounidense.
Faleceu o 20 de xullo de 2005 tras unha longa enfermidade. Era coñecido en todo o país pola súa participación no Campionato Indíxena de Danza e foi campión de boxeo no Exército.